Tuesday 23 de April de 2024

Oroso recuperará as competencias municipais na prestación de servizos sociais comunitarios básicos cedidas á Mancomunidade de Ordes


O alcalde explica que a saída “é unha cuestión económica xa que se seguimos na Mancomunidade non recibiremos ningunha axuda económica da Deputación ao superar os 20.000 habitantes”

O Pleno Municipal do Concello de Oroso acordou esta mañá recuperar as competencias municipais en materia de prestación de servizos sociais comunitarios básicos que actualmente se prestan de forma mancomunada a través da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Unha medida que terá os seus efectos no ano 2018, xa que os Estatutos da Mancomunidade ordense establecen que os acordos de separación deberán ser comunicados á entidade supracomarcal con, cando menos, un ano de adianto.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que “o motivo da saída é unha cuestión económica que non só afecta ao Concello de Oroso, senón tamén aos de Ordes e Frades que estabamos prestando conxuntamente eses servizos comunitarios básicos”. Así, deu lectura a un informe da Deputación da Coruña no que se especifica que “si el ayuntamiento de Oroso permanece integrado en la Mancomunidad, entidad de más de 20.000 habitantes, no puede solicitar ayuda económica a través del Programa de Financiación de servicios sociales comunitarios 2017, cuyas bases se están elaborando” e advirte de que “no está prevista la inclusión de subvención nominativa para el ejercicio 2017 para la Mancomunidad de Ordes”, xa que deberían ser financiados pola Xunta de Galicia.

Así mesmo, a Deputación especifica que “en el caso de que el ayuntamiento de Oroso opte de forma independiente a las ayudas del Programa de Financiación de servicios sociales comunitarios 2017, recibiría la misma cuantía que el año anterior”, isto é, 39.078,97 euros. Unha cifra que podería medrar ata os 52.535,91 euros se se incluíse a financiación dun auxiliar administrativo.

Santiago

Ante este informe, Mirás Franqueira reafirmouse en que “fun remiso a saír porque penso que a unión de Concellos é boa” e lamentou que “todo isto é debido a unha chapuza da Xunta, que para unhas cousas quere que os Concellos se agrupen e para outras non”. Neste sentido, explicou que “a saída parcial de Oroso da Mancomunidade de Ordes é para optimizar os recursos”, ao tempo que anunciou que “seguiremos na Mancomunidade de Ordes que presta outros servizos como o CIM, o servizo de atención temperá ou o de prevención de drogodependencias”.

Porén, Manuel Mirás anunciou que “estamos en conversas con concellos da comarca de Compostela para formar parte da Mancomunidade de Santiago. Non se puido facer porque non está en funcionamento, pero a nosa intención é adherirnos á Mancomunidade de Santiago cando comece a funcionar”. Neste sentido, Mirás lembrou que “Oroso xa lle presta servizos de auga e saneamento a Santiago e estamos colaborando en temas de promoción turística”.

Votación e subrogación

Todos os grupos municipais apoiaron a argumentación realizada polo alcalde orosá e defenderon tanto a necesidade de recuperar as competencias para manter as subvencións da Deputación da Coruña como de continuar coas conversas para a integración de Oroso na Mancomunidade de Santiago. Sen embargo, a obriga de subrogar ás dúas traballadoras da Mancomunidade de Ordes que actualmente prestan estes servizos motivou o voto en contra de PP e Anova, así como un longo debate entre os distintos grupos debido a que unha delas é esposa do concelleiro Antonio Leira, quen se ausentou do salón de plenos durante o debate e votación deste punto.

O alcalde de Oroso remitiuse ao Informe realizado polo Secretario e polo Interventor municipais no que se establece textualmente que “si el Pleno de la Corporación decide recuperar la prestación de los servicios sociales comunitarios básicos actualmente mancomunados debería procederse a la subrogación del personal que actualmente tiene la Mancomunidad asignado a la prestación de tales servicios en el término municipal de Oroso, en aplicación de lo previsto en el artículo 44 del TRET, considerando la existencia de una subrogación de empresa o subrogación de plantilla. Ello implicaría, desde el punto de vista de la legislación laboral, a subrogar a la Trabajadora Social y Educadora Familiar, que prestan sus servicios mediante contrato laboral temporal adscritas al término municipal de Oroso”. Un informe que especifica que “de ninguna manera cabe la posibilidad de que el personal contratado por la Mancomunidad pueda adquirir dicha condición (persoal funcionario) a través de la subrogación”.

Uns parágrafos que tamén foron lidos literalmente polo voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez, quen asegurou que “isto non sería un problema se unha das traballadoras que se pretende subrogar non fose quen é”. Neste sentido, indicou que “as cuestións de tipo persoal non deberían pasar das portas do Pleno. Isto é unha decisión política de se beneficia ou non ao conxunto de habitantes deste Concello a saía parcial da Mancomunidade de Ordes”. Unha opción que apoiou, lembrando que “o BNG xa propuxo neste Pleno deixar de pertencer á Mancomunidade de Ordes para integrarnos na de Santiago porque Oroso debe estar na área metropolitana de Compostela, non porque teñamos problemas con Ordes”.

Pola súa banda, o voceiro de Anova, Siverio Mirás, solicitou que o asunto quedara sobre a mesa e pediu un certificado da acta do pleno e da anterior comisión informativa. Segundo Siverio Mirás “isto forma parte do clientelismo político. Querer facelas funcionarias sen concurso é unha cacicada como unha casa”, polo que propuxo que se sacaran xa a concurso ambas prazas e non se subrogara nada.

Unha argumentación que tamén defendeu o voceiro do PP, Alexánder Doval, quen apuntou que “politicamente estamos de acordo coa saída dos servizos sociais e nos parece unha boa idea o tema da área metropolitana de Santiago; e economicamente o servizo vai ter un coste moi similar e mesmo se fala dun aforro para o servizo de axuda no fogar”. Sen embargo insistiu en que “o que nos causa dúbidas é a subrogación das dúas traballadoras municipais. Ao noso entender a subrogación pode supoñer meter pola porta de atrás a dúas persoas a traballar no Concello”. O voceiro popular insistiu en varias ocasións en que “cremos que a subrogación non é oportuna” e que “imos mirar todo o que consideremos”.

Elixir o Tribunal

Pola súa banda, Manuel Mirás lamentou as posicións e as argumentacións ofrecidas por PP e Anova: “non poden dicir que o van mirar con lupa cando teñen diante un informe favorable escrito e asinado polo Interventor e o Secretario desde Concello. O señor Doval é un bo alumno de Siverio que, para todo o malo, é bo profesor”. Mirás lembrou a ambos concelleiros que “se non subrogamos, como vostedes din, o que pasará é que esas traballadoras nos levarán ao tribunais e entón si que terían a praza fixa”.

O alcalde volveu tirar do informe de Intervención e da Secretaría Municipais para lembrar que o Concello non pode sacar a concurso ambas prazas de inmediato, como piden PP e Anova, xa que primeiro se debe modificar a RPT do Concello de Oroso para crear as prazas de Traballadora Social e Educadora Familiar, “adscribiendo a las mismas a las actuales trabajadoras de la Mancomunidad de forma temporal, incluyendo dichas plazas en la siguiente Oferta de Empleo Público del Ayuntamiento de forma obligatoria y procediendo a cubrir las mismas a través de un procedimiento de oposición o concurso que goce de todas las garantías de los principios de igualdad, publicidad, mérito y capacidad”.

Mirás Franqueira reafirmou que “a transparencia na selección de persoal en Oroso é total e absoluta” e lembrou que “os cargos electos non participan nos tribunais de selección”. Aínda así, lanzou unha proposta a todos os grupos: “se queren traer aos funcionarios do tribunal, fagan as súas propostas. O Secretario e o Interventor son fixos, pero os outros poden ser funcionarios da Xunta ou doutro Concello. Elixan vostedes que nós non temos ningún problema”. Unha proposta aplaudida dende o BNG e non comentada por parte de Anova nin PP.

PXOM

Previamente, o pleno aprobara provisionalmente a modificación puntual número 9 do Plan Xeral de Ordenación Municipal cos 11 votos a favor de PSOE, PP e BNG e a abstención de Anova. Unha modificación que conta con todos os informes sectoriais favorables e que pretende adaptar á nova normativa varios artigos do PXOM e do Plan Parcial de Porto Avieira xa que “non é necesaria unha limitación tan ríxida, que está a afectar a moitos baixos comerciais e a propia Lei de Emprendemento di que non pode seguir así”, explicou Mirás Franqueira.